A Garganta da Serpente

Luisa Villalta<

  • aumentar a fonte
  • diminuir a fonte
  • versão para impressão
  • recomende esta página

ROTA AO INTERIOR DO OLLO

S A T O R
A R E P O
T E N E T
O P E R A
R O T A S

(Fórmula máxica pompeiana)

 

SATOR

Da cegueira circular que se perde na espesura
veño como con gritos dormidos entre as mans.
En cada célula unha pequena conciencia ponse de pé
cando o pincel do desexo carexa a miña forma
e lle labra un sitio inédito no mundo. Pergunto
como sería todo antes, como será despois de min.
Un ponto cego que só diante do ollo se me abre

 

AREPO

abre o teu beizo para chuchar a sombra
e desnudar con cuidado a superficie do obxecto.
Amao na medida en que fica frente a ti
recoñecéndote como a si mesmo na distancia
co seu cuarto de lua crecente até ser home.
Que misterio a remota intimidade da luz
en dous corpos que se esperan desde sempre para...

 

TENET

para sempre romper as paredes lamentábeis e sosterse
sobre as ondas. Percorrer o inferno, elevalo ao paraíso
através das espirais sobrecollidas. Manter a órbita
engastada no ollo do universo. Deslumbrados,
palpar nas nosas carnes o froito do que somos
e facelo que se faga moito mais, o sexo aberto
a mil visións, a chaga desangrando o ter vivido

 

OPERA

o ter vivido queda da explosión como un aroma.
Salta a risa e multiplícase por todo o corpo
cubríndonos de estrelas espantadas polo touro
minguante que se achega co segredo da morte.
Desunimos as mans ocupadas en perdernos.
Xa somos a distancia que non nos necesita
porque sabemos a flor que nos mira desde o olvido

 

ROTAS

desde o olvido veño con pasos de pincel e de palabras,
para inscreber entre os meus xenes a tua ausencia.
Un obxecto deixou rodar o seu peso entre o tumulto
e eu mesma me vin mirarme a min que me miraba
no asombroso espello que é o ollo desta terra.
A soedade sabe como será despois de coñecerte
unha espesura rota a procurarte na cegueira.

 

 

(Poemas do livro "Rota ao interior do ollo")


(Luisa Villalta)


voltar última atualização: 12/03/2000
4500 visitas desde 01/07/2005

Poemas desta autora:

Copyright © 1999-2020 - A Garganta da Serpente